miércoles, 11 de febrero de 2009

MOLLÉMONOS PARA CAMBIAR

Non é doado falar con serenidade acerca dos problemas que atinxen á Igrexa de España e Universal. Non o é pola súa complexidade e non o é tampouco porque as declaracións sobre ela son sempre miradas con lentes por aqueles que se encargan de gardar a ortodoxia eclesial.
Non é menos certo que algunhas manifestacións xerárquicas están provocando unha forte conmoción pública e desconcertando aos mesmos crentes, sobre todo pola incoherencia que levan consigo estas declaracións, moitas veces baseadas en duras críticas en tono agresivo sobre a moral sexual e familiar e diría eu que moi laxas no relacionado coa guerra, a exclusión, a intolerancia ou a inxusticia (temas estos de moita máis gravidade). Pero tampouco é doado calar. Un silencio como o que se está a gardar pode entenderse como indiferencia, cando non complicidade.

Algo moi triste hoxe en día é ver como a Igrexa se desvaloriza por si mesma, como é unha palabra malsonante, agresiva e que desata odio e dor en moita xente, sobre todo na xente xove; é moi triste ver como os teus amigos e non tan amigos piden explicacións constantes sobre comentarios e accións daqueles que pronuncian palabras moi bonitas, pero que á hora do compromiso, exercen unha dobre moral repudiable, vomitiba, indescriptible. Por moito que queramos ensinar e amosar a verdadeira Igrexa, a dos pobres, a dos humildes, a daqueles que día a día dan a súa vida polos que non teñen nada (que, gracias a Deus, é a Igrexa da inmensa maioría dos cristiáns comprometidos), seguimos sendo mal vistos porque non son eles a cabeza visible da nosa Igrexa senón que estos están a ser representados por uns poucos acomodados, “señoritos“, que buscan a diario ser servidos e non servir( en contradición con LG 27, último párrafo). Estos son os que piden a pobreza de palabra pero que cando salen dos seus púlpitos (en bos coches) abochornan ó resto dos cristiáns instalándose nos seus palacetes, rodeados de comodidades e de caprichos, botando sobre os crentes de boa fe cargas de moral barata cargadas de hipocresía, e sen ser capaces de revisar que algo ten que estar a facerse mal para que tanta xente se atope decepcionada; “hai de vós doutores da lei, que votades sobre os demáis cargas insoportables, e vós non vos tocades nin un dedo“ (Lc 11, 46)

Algúns xestores da Igrexa falan de amor fraterno, caridade e grandes temas relixiosos e logo rematan adicando grandes cantidades de diñeiro á especulación financieira, ó que en termos tradicionais da linguaxe eclesiástica era a usura. A Igrexa que durante séculos condeou a usura, voltouse usureira e busca o interese dos cartos. Quedóuselle curto o capitalismo.

Relacionado con isto hai moita xente que se cuestiona por que os bispos españois se resisten a un cambio, por que seguen tendo plantexamentos ante todo deshumanizados, sen ningún tipo de senso común, por qué se aplican para eles e os seus unha vara de medir e para os demáis outra moi diferente. Pois, todo isto non é casual. En España hai unha serie de interferencias arrastradas do réximen anterior que ainda non se depuraron e que se terían que aclarar. En xeral creo que existe unha dobre moral: unha moral moi esixente co que se refire ó sexto mandamento, que é o que indica Roma, e unha moral moi tolerante con todo o que se refire ó relacionado cos cartos.
A utilización dos Documentos Conciliares e bíblicos dun xeito interesado, incluso moitas veces adulterado de forma sibilina, e falto de ética, fai que as declaracións da nosa xerarquía se apliquen ó cidadán, intentando un manexo das súas conciencias, aniquilando a orientación e substituíndoa por utilización, propio das modernas comunidades sectarias. Hai moita xente que segue caendo nesta poderosa malla pero hai outra moita que xa se decata que tanta ambigüidade, tanta falsedade, non pode vir de xente que se chame Cristiana. Quero facerme eco deste párrafo da PO, 17 que debe facernos reflexionar, e que é moi claro en relación ás riquezas por parte dos sacerdotes e dos bispos. É un texto Conciliar, non un texto do último teólogo rebelde que se debe condear, ou dun leigo cabreado que quere enfrontarse á xerarquía, ou dun crego que non está conforme coas posturas xerárquicas: “Os sacerdotes non deben de ningún xeito poñer o seu corazón nas riquezas e deben evitar sempre toda codicia e absterse coidadosamente de todo tipo de negocios. Máis ainda, están invitados a abrazar a pobreza voluntaria, co que se identificarán máis claramente con Cristo e estarán máis liberados para o ministerio sagrado...
A súa casa ha de ser de tal xeito que parezca a todos accesible,e que todos, incluso os máis humilde, se atrevan a frecuentala.“

¡Cantas expresións temos que escoitar sobre vivir a pobreza!, ¡cantas predicacións pedindo caridade!, ¡cantas homilías facéndose eco do amor de Deus para cos pobres e abandoados!. ¿Como podemos ser tan hipócritas? ¿Como é posible estar falando de que non se pode matar a ninguén, nin roubar, nin utilizar ás persoas e despois é desde a Igrexa mesmo desde onde se cometen semellantes atropelos? ¿A caso non matamos con certas palabras e leis? ¿Acaso non matamos coa moralina e coas prohibicións irracionais? ¿A caso non roubamos cando enganamos á xente e pedimos cartos que logo non destinamos a esa finalidade? ¿A caso non se utiliza ás persoas cando non se lles paga un salario xusto, ou cando as utilizamos segundo o noso antollo, para esto ou aquelo? ¿Como podemos estar falando de moral, de dereitos humanos, de ética, de xustiza cando os cartos que circulan na Igrexa son en diñeiro negro que non se declara e que pasa a engordar cada día máis as arcas diocesanas?

A miña personalidade non me deixa asimilar semellantes atropelos, pola miña forma de ser non podo comulgar coas rodas de muiño que intentan impoñernos. ¡Son tantas as incoherencias e mentiras que levo visto na xerarquía eclesiástica que non tería tempo para escribilas aquí! Pero tamén é certo que xa está ben de estar parados, xa está ben de medos, xa está ben de non abrir a boca e de seguir aplaudindo as “estupideces“ xerárquicas que temos que escoitar un día si e outro día tamén.

Este non é un escrito contra a Igrexa, non confundamos. É un escrito contra aqueles que coa súa actitude farisaica están a levar a esta Igrexa, que quero fondamente ( e por iso tamén a critico e me inclúo nalgunhas partes desa crítica), a un camiño sen retorno. Quero con estas palabras dar un toque de atención para que a Igrexa responda desde xa ós novos retos que se lle plantexan, uns retos que só poderá afrontar transformándose ela mesma. Como se di na GS ten que realizar a súa vocación de servidora da humanidade aprendendo a humanizarse ela mesma
.